|
|
|
 |
 |
|
|
| actividades |  |
|
 |
 |
 |
[19/10/2009] O CONSORCIO AUDIOVISUAL DE GALICIA POTENCIA A PROMOCIÓN DAS PRODUCIÓNS GALEGAS EN INTERNET
No que vai de ano foron 11 as producións audiovisuais galegas beneficiadas
O prazo de presentación de solicitudes continuará aberto ata o 1 de decembro
O consorcio Audiovisual de Galicia potencia a promoción das producións galegas en internet, a través dunha liña de axudas por un importe total de 80.000 euros, establecéndose unha cantidade máxima de 9.000 euros por proxecto. No que vai de ano xa resultaron beneficiadas 11 producións, estando vixente o prazo de presentación de solicitudes ata o 1 de decembro.
Esta iniciativa posta en marcha polo Consorcio Audiovisual de Galicia no 2004, foi pioneira en todo o Estado e estase a converter nun dos instrumentos de promoción audiovisual máis importante con máis de 50 producións beneficiadas nas anteriores convocatorias. Entre elas sobresaen importantes títulos como O ano da carracha de Filmanova, Donkey Xote de Filmax, Un franco, 14 pesetas de Adivina Producciones e De Profundis de Continental Producciones, que obtiveron un elevado número de visitas.
Axudas de fomento á produción audiovisual
As axudas para a promoción de producións audiovisuais a través de Internet teñen como finalidade brindar apoio ás produtoras no proceso de creación de páxinas web, xa que un dos piares fundamentais do negocio cinematográfico baséase na promoción, na visibilidade do produto e na creación de expectativas diferenciais ante un público ao que se lle lanzan infinitas mensaxes referidas a innumerables posibilidades de lecer.
A rede é o único espazo no que é posible soster unha presenza en condicións de certa igualdade. O sistema de acceso é barato, democrático e universal, un recanto dende o que poder ofrecer información directa sobre todo o que rodea a unha produción audiovisual, ao que pode acceder calquera usuario. Todo iso cun custo relativamente baixo, en relación ao impacto e á eficacia xerada.
O desenvolvemento de páxinas web de producións convértese nun dos mellores instrumentos para a promoción audiovisual, xa que consegue que o público se sinta atraído dende o mesmo momento do inicio da produción creando un espectador activo que se converterá en consumidor do produto audiovisual.
|
 |
|
 |
|
| |
|
|
|
|
|