|
|
|
 |
 |
|
|
| actividades |  |
|
 |
 |
 |

[06/05/2009] “MÍNIMO COMÚN MÚLTIPLO”, “POR NADA” E “BATA POR FÓRA (MULLER POR DENTRO)” FORMARÁN PARTE DO CATÁLOGO CURTAS 09 DO CONSORCIO AUDIOVISUAL DE GALICIA
Seleccionadas tres das catro curtametraxes que conformarán a sexta edición do programa CURTAS do Consorcio Audiovisual de Galicia
A cuarta curtametraxe será a gañadora do premio do público á mellor curtametraxe de animación do Festival de Curtametraxes de Cans 2009
As produtoras das curtas seleccionadas recibirán unha axuda máxima de 3.000 euros para a promoción internacional das súas obras
O pasado mes de febreiro comezou a nova andaina do programa de promoción das curtametraxes galegas do Consorcio Audiovisual de Galicia, CURTAS. Xa son seis as edicións deste programa que permite dar a coñecer máis alá das nosas fronteiras naturais os traballos realizados polo noso sector.
Seleccionados
O luns 4 de maio, a comisión de selección deste programa reuniuse para valorar e seleccionar as curtametraxes que conformarán o novo catálogo, á espera de saber a partir do 23 de maio a curta gañadora do premio á mellor curtametraxe de animación do Festival de Curtametraxes de Cans 2009.
Nesta ocasión, as curtas seleccionadas pertencen ao xénero documental experimental e á ficción. As beneficiadas nesta edición son:
- Mínimo Común Múltiplo do director Rubén Coca e presentado pola súa propia produtora.
- Por nada dos directores Toni Vega e Dani de la Torre e presentado pola produtora Ficción Producciones.
- Bata por fóra (muller por dentro) da directora Claudia Brenlla e presentado pola produtora Laturmadocus.
Como se ven facendo en anteriores edicións, haberá continuidade na liña e deseño do catálogo, logo do éxito e recoñecemento internacional acadados, así como na política de axudas iniciada na 5ª edición, 3.000 euros para a promoción internacional para cada unha das produtoras das curtas seleccionadas.
Xurado
Segundo a comisión de selección, as obras seleccionadas destacaron en relación ás demais pola súa factura e, no caso da curta documental pola súa vertente experimental. Os expertos desta comisión foron José Luís Cienfuegos, director do Festival Internacional de Cine de Xixón desde 1995 no que ven realizando desde entón unha clara aposta polo cine independente e as miradas radicais e inconformistas. Tamén ten organizado ciclos cinematográficos, cursos, conferencias e outras actividades relacionadas co audiovisual; Jaime Pena, programador do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), membro do comité de redacción de Cahiers du Cinéma-España e colaborador en festivais de cine como o de Xixón, Las Palmas, Bafici (Arxentina) e Locarno (Suíza); José Luís Rebordinos, responsable do departamento de Cine de Donostia Kultura (Patronato Municipal de Cultura de San Sebastián), membro do Comité de Dirección do Festival Internacional de Cine de San Sebastián, ademais de director do Festival de Cine Fantástico e de Terror da mesma cidade; e Alfonso Pato, director e principal impulsor do Festival de curtametraxes de Cans, a súa traxectoria profesional está moi vinculada á televisión, foi o creador e director do programa “Onda Curta” da TVG, e actualmente é o director de “Banda Curta”, programa de música en directo e vídeoclips, ademais de guionista en diversos espazos da canle galega; tamén é colaborador en temas musicais, de cinema e televisión en prensa escrita.
Proxección e promoción internacional
Este programa do Consorcio Audiovisual de Galicia vense caracterizando polo éxito acadado polas obras seleccionadas para formar parte do mesmo, xa que moitas delas acapararon premios nacionais e internacionais en festivais de prestixio, ademais de formar parte de programas culturais e de permitir ás súas produtoras acadar acordos de distribución internacional.
Todo isto é posible grazas ao labor de proxección e promoción nacional e internacional do audiovisual galego que o Consorcio Audiovisual de Galicia ven facendo desde hai 5 anos nos mercados internacionais aos que acode e coas colaboracións que ven realizando con organismos culturais que permiten a realización de monográficos sobre a cinematografía galega ou a súa inserción nos programas de diferentes festivais.
|
 |
|
 |
|
| |
|
|
|
|
|