 |
[14/06/2006] ABERTO O PRAZO PARA O FONDO RAÍCES 2006
O anuncio desta resolución publicouse o 14 de xuño no número 113 do Diario Oficial de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 17 de xullo de 2006.
O 21 de xaneiro de 2005 asinouse o Acordo “Raíces” entre o Consorcio Audiovisual de Galicia (Consorcio), o Institut Català de les Indústries Culturals (ICIC) e o Instituto Nacional de Cine y Artes Audiovisuales (INCAA) de Arxentina, a través do que se creou un fondo económico destinado a financiar axudas a produtoras independentes de Galicia, Cataluña e Arxentina que coproduzan longametraxes cinematográficas.
Nesta segunda convocatoria, ao igual que na primeira, o importe máximo das axudas previstas na Resolución do Consorcio é de 150.000 €, 75.000 imputados aos orzamentos do 2006 e 75.000 aos do 2007. O importe máximo subvencionable por proxecto é de 50.000 €.
A valoración das solicitudes correrá a cargo dunha comisión formada por membros das tres institucións asinantes do Acordo do Fondo Raíces e basearase, entre outros, nos criterios cualitativos do proxecto (orixinalidade e interese do argumento, estrutura do guión e calidade dos diálogos e da narración, trato visual, historial do equipo técnico e do equipo artístico) e nos criterios industriais (historial da produtora solicitante, das empresas coprodutoras e dos produtores executivos, financiamento, plan de lanzamento, análise e previsión dos ingresos, adecuación e coherencia do presuposto ao proxecto presentado). A reunión desta comisión terá lugar en San Sebastián, coincidindo coa celebración do seu Festival Internacional de Cine.
Con respecto á convocatoria do ano 2005, o cambio máis significativo é o referente ao sistema de pago: un primeiro do 50% realizarase no momento da concesión, sempre que se cumpran os requisitos establecidos na convocatoria; un 30% da axuda ao inicio da rodaxe (que deberá ter lugar antes do 31 de marzo de 2007) e un terceiro e último pago do 20% restante á entrega dos materiais.
Con esta novidade preténdese favorecer ás produtoras beneficiarias xa que disporán do 80% do importe da subvención ao inicio da rodaxe.
Na anterior convocatoria, as empresas beneficiarias foron as seguintes:
- Filmax Animation, co proxecto de animación 3D “Pérez, o ratiño dos teus soños”, coproducido xunto con Patagonik Film Group e Castelao Productions e dirixido por Juan Pablo Buscarini.
- Continental Producciones, co proxecto “Abrígate”, coproducido xunto con SB Producciones e Oberón Cinematográfica e dirixido por Ramón Costafreda.
- Produtora Faro Lérez, co proxecto “A velocidade funda o esquecemento”, coproducido xunto con Factotum Barcelona, Never Land Films e Baraka Cine e dirixido por Marcelo Schapces.
|