|
|
|
 |
 |
|
|
| actualidade |  |
|
 |
 |
 |
[01/12/2009] Hoxe finaliza o prazo para solicitar as axudas para a promoción das producións galegas en internet que concede o Consorcio Audiovisual de Galicia
No que vai de ano foron xa 11 as producións audiovisuais galegas beneficiadas
O prazo de xustificación das axudas concedidas remata o 15 de decembro
Hoxe, martes 1 de decembro remata o prazo para a presentación de solicitudes de axudas para a promoción das producións galegas en internet que concede o Consorcio Audiovisual de Galicia. Estas axudas teñen como finalidade brindar apoio ás produtoras no proceso de creación de páxinas web, xa que un dos piares fundamentais do negocio cinematográfico baséase na promoción, na visibilidade do produto e na creación de expectativas diferenciais ante un público ao que se lle lanzan infinitas mensaxes referidas a innumerables posibilidades de lecer.
A rede é o único espazo no que é posible soster unha presenza en condicións de certa igualdade. O sistema de acceso é barato, democrático e universal, un recanto dende o que poder ofrecer información directa sobre todo o que rodea a unha produción audiovisual, ao que pode acceder calquera usuario. Todo iso cun custo relativamente baixo, en relación ao impacto e á eficacia xerada.
O desenvolvemento de páxinas web de producións convértese nun dos mellores instrumentos para a promoción audiovisual, xa que consegue que o público se sinta atraído dende o mesmo momento do inicio da produción creando un espectador activo que se converterá en consumidor do produto audiovisual.
A iniciativa posta en marcha polo Consorcio Audiovisual de Galicia no 2004, foi pioneira en todo o Estado e estase a converter nun dos instrumentos de promoción audiovisual máis importante con máis de 50 producións beneficiadas nas anteriores convocatorias. Entre elas sobresaen importantes títulos como O ano da carracha de Filmanova, Donkey Xote de Filmax, Un franco, 14 pesetas de Adivina Producciones e De Profundis de Continental Producciones, que obtiveron un elevado número de visitas.
Ao longo deste ano resultaron beneficiadas 11 producións, estando en estudo as últimas solicitudes recibidas, e rematando o prazo de presentación da xustificación das axudas concedidas o 15 de decembro. O Consorcio Audiovisual de Galicia dedica a esta liña de axudas un orzamento anual de 80.000 euros, establecéndose unha cantidade máxima de 9.000 euros por proxecto.
|
 |
|
 |
|
| |
|
|
|
|
|