consorcio audiovisual    
de galicia
inicio
actualidade
actividades
formación
axudas
publicacións
lexislación
Galicia Film Commission
localizacións
catálogo de produccións
carteleira de cine
links
mapa do web
Semprecinema Producións

actualidade


[30/11/2009] Mañá comezan as xornadas ‘20 anos de Cinegalicia’ que conmemoran a estrea das tres primeiras longametraxes de ficción galegas

O encontro reúne vinte profesionais do audiovisual galego entre directores, produtores, guionistas e críticos

Coa finalidade de reflexionar sobre os vinte anos transcorridos desde a estrea das tres primeiras longametraxes galegas de ficción, Continental (Xavier Villaverde, 1989), Sempre Xonxa (Chano Piñeiro, 1989) e Urxa (Alfredo Gª Pinal e Carlos A.L.Piñeiro, 1989), acontecidas en novembro de 1989 en Vigo, no marco da mostra Cinegalicia, que daquela promoveran a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e máis o concello de Vigo, o martes 1 e o mércores 2 de decembro, desenvolveranse na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, no campus de Pontevedra, as xornadas 20 anos de CINEGALICIA organizadas conxuntamente pola Secretaría Xeral de Medios, o Consorcio Audiovisual de Galicia e a Universidade de Vigo, coa colaboración do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI).

As xornadas abriranse o martes, co relatorio Cinegalicia, a posta en valor da filmografía galega a cargo de quen fora comisario daquela mostra, o crítico e historiador Miguel Anxo Fernández, coordinador das xornadas xunto a Fortunato Rodríguez, profesor da Universidade de Vigo. A apertura oficial estará a cargo de Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios e Jesús Hernández Sánchez, vicerreitor do Campus de Pontevedra.

O programa incluirá a proxección dos tres filmes, con presentacións previas. Continental se presentada polo seu director Xavier Villaverde acompañado do coguionista Raúl Veiga; os directores Alfredo Gª Pinal e Carlos A.L.Piñeiro presentarán Urxa, e finalmente a actriz Uxía Blanco faráo con Sempre Xonxa en ausencia do finado Chano Piñeiro.

O resto do programa completase co panel “Vinte anos despois de Galicia” formado polos críticos Pepe Coira e Eduardo Galán, ademais de Raúl Veiga, guionista de “Continental”.

Os coloquios serán catro:

- Outros formatos. Panorama, con Claudia Brenlla (directora de O club dos sen teito), Carmen Rábade (produtora executiva de Señora de), Rubén Coca (director de Notamotof). Modera: Anna Amorós. Profesora Titular Universidade de Vigo.

- Tres óperas primas en Cinegalicia, con Xavier Villaverde (director de Continental), Carlos A. L. Piñeiro e Alfredo García Pinal (directores de Urxa). Modera: Eduardo Galán.

- Cinegalicia, comeza a produción de longametraxes Pancho Casal (Continental Producciones), Cabanas Cao (Vimbio Filmes), con Xavier Bermúdez (Xamalú Filmes). Modera: Fortunato Rodríguez. Profesor Titular Universidade de Vigo.

-Realizadores galegos cara o futuro, con Toño López (director de Matalobos), Alfonso Zarauza (director de A noite que deixou de chover e Nordés), Luís Avilés (director de Retornos). Modera: Nacho Varela. Profesor Asociado Universidade de Vigo.