|
|
|
 |
 |
|
|
| formación |  |
|
 |
 |
 |

[02/12/2009] HOXE REMATAN AS XORNADAS ‘20 ANOS DE CINEGALICIA’
As xornadas tiveron lugar os días 1 e 2 de decembro, no Campus de Pontevedra, sendo organizadas conxuntamente pola Secretaría Xeral de Medios, o Consorcio Audiovisual de Galicia e a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, coa colaboración do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI).
Estas xornadas, 20 anos de CINEGALICIA centráronse na reflexión sobre os cambios experimentados no cine galego durante as últimas dúas décadas. O encontro serviu para profundar sobre os vinte anos transcorridos desde a estrea das tres primeiras longametraxes galegas de ficción, Continental (Xavier Villaverde, 1989), Sempre Xonxa (Chano Piñeiro, 1989) e Urxa (Alfredo Gª Pinal e Carlos A.L.Piñeiro, 1989), acontecida en novembro de 1989 en Vigo, no marco da mostra Cinegalicia, que promoveran, daquela, a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e máis o concello de Vigo.
O martes día 1 abríanse as xornadas co relatorio ‘Cinegalicia, a posta en valor da filmografía galega’, a cargo de quen fora comisario daquela mostra, o crítico e historiador Miguel Anxo Fernández, coordinador das Xornadas xunto a Fortunato Rodríguez, profesor da Universidade de Vigo.
Na apertura oficial estiveron presentes Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios da Xunta de Galicia, e Jesús Hernández Sánchez, vicerreitor do Campus de Pontevedra, namentres que o programa incluiu un panel, varios coloquios e a proxección dos tres filmes. O panel “Vinte anos despois de Galicia’, contou cos críticos Pepe Coira e Eduardo Galán, ademais de Raúl Veiga, guionista de Continental.
Pola súa banda, os coloquios foron catro:
- ‘Outros formatos. Panorama’, con Claudia Brenlla (directora de O club dos sen teito), Carmen Rábade (produtora executiva de Señora de), Rubén Coca (director de Notamotof). Moderou: Anna Amorós. Profesora Titular da Universidade de Vigo.
- ‘Tres óperas primas en Cinegalicia’, con Xavier Villaverde (director de Continental), Carlos A. L. Piñeiro e Alfredo García Pinal (directores de Urxa). Moderou: Eduardo Galán.
- ‘Cinegalicia, comeza a produción de longametraxes’, con Pancho Casal (Continental Producciones), Cabanas Cao (Vimbio Filmes) e Xavier Bermúdez (Xamalú Filmes). Modera: Fortunato Rodríguez. Profesor Titular da Universidade de Vigo.
- ‘Realizadores galegos cara o futuro’, con Toño López (director de Matalobos), Alfonso Zarauza (director de A noite que deixou de chover e Nordés), Luís Avilés (director de Retornos). Moderou: Nacho Varela. Profesor Asociado da Universidade de Vigo.
No tocante ás proxeccións, Sempre Xonxa foi presentada pola súa actriz principal, Uxía Blanco; Continental, por Xavier Villaverde e Raúl Veiga; e Urxa, por Alfredo García Pinal e Carlos A. L. Piñeiro.
|
 |
|
 |
|
| |
|
|
|
|
|