consorcio audiovisual    
de galicia
inicio
actualidade
actividades
formación
axudas
publicacións
lexislación
Galicia Film Commission
localizacións
catálogo de produccións
carteleira de cine
links
mapa do web
Semprecinema Producións

formación

[20/11/2009]  AS XORNADAS ‘20 ANOS DE CINEGALICIA’ REFLEXIONARÁN SOBRE A EVOLUCIÓN DO CINE GALEGO NOS ÚLTIMOS TEMPOS

As xornadas 20 anos de CINEGALICIA centraranse na reflexión sobre os cambios experimentados no cine galego durante as últimas dúas décadas. Neste sentido, o encontro servirá para profundar sobre os vinte anos transcorridos desde a estrea das tres primeiras longametraxes galegas de ficción, Continental (Xavier Villaverde, 1989), Sempre Xonxa (Chano Piñeiro, 1989) e Urxa (Alfredo Gª Pinal e Carlos A.L.Piñeiro, 1989), acontecida en novembro de 1989 en Vigo, no marco da mostra Cinegalicia, que promoveran, daquela, a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e máis o concello de Vigo.


Desta volta, as xornadas celebraranse os días 1 e 2 de decembro, no Campus de Pontevedra, sendo organizadas conxuntamente pola Secretaría Xeral de Medios, o Consorcio Audiovisual de Galicia e a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, coa colaboración do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI).

Neste sentido, abriranse o martes día 1 co relatorio ‘Cinegalicia, a posta en valor da filmografía galega’, a cargo de quen fora comisario daquela mostra, o crítico e historiador Miguel Anxo Fernández, coordinador das Xornadas xunto a Fortunato Rodríguez, profesor da Universidade de Vigo.

A apertura oficial estará a cargo de Alfonso Cabaleiro, secretario xeral de Medios da Xunta de Galicia, e Jesús Hernández Sánchez, vicerreitor do Campus de Pontevedra, namentres que o programa incluirá un panel, varios coloquios e a proxección dos tres filmes. O panel levará por nome ‘Vinte anos despois de Galicia’, e contará cos críticos Pepe Coira e Eduardo Galán, ademais de Raúl Veiga, guionista de Continental.

Pola súa banda, os coloquios serán catro:

- ‘Outros formatos. Panorama’, con Claudia Brenlla (directora de O club dos sen teito), Carmen Rábade (produtora executiva de Señora de), Rubén Coca (director de Notamotof). Modera: Anna Amorós. Profesora Titular da Universidade de Vigo.

- ‘Tres óperas primas en Cinegalicia’, con Xavier Villaverde (director de Continental), Carlos A. L. Piñeiro e Alfredo García Pinal (directores de Urxa). Modera: Eduardo Galán.

- ‘Cinegalicia, comeza a produción de longametraxes’, con Pancho Casal (Continental Producciones), Cabanas Cao (Vimbio Filmes) e Xavier Bermúdez (Xamalú Filmes). Modera: Fortunato Rodríguez. Profesor Titular da Universidade de Vigo.

- ‘Realizadores galegos cara o futuro’, con Toño López (director de Matalobos), Alfonso Zarauza (director de A noite que deixou de chover e Nordés), Luís Avilés (director de Retornos). Modera: Nacho Varela. Profesor Asociado da Universidade de Vigo.

No tocante ás proxeccións, Sempre Xonxa estará presentada pola súa actriz principal, Uxía Blanco; Continental, por Xavier Villaverde e Raúl Veiga; e Urxa, por Alfredo García Pinal e Carlos A. L. Piñeiro.

Información e inscricións

Todos os interesados en participar nesta actividade poderán ampliar a información e inscribirse no teléfono 981 545 098, ou mediante o correo electrónico formacion@consorcioaudiovisualdegalicia.org. A inscrición é gratuíta e está solicitado un crédito de libre configuración.

 
máis información:

PROGRAMA


FORMULARIO